Na madrugada de hoxe, 22 de outubro, trece mozos de Euskal Herria foron detidos baixo a acusación de pertencer a SEGI. 300 axentes de policía participaron nesta operación. Este é un novo episodio represivo contra a xuventude vasca, cunha intencionalidade política clara. Os Colectivos de Mozos Comunistas denunciamos e condenamos as detencións e pedimos a súa posta inmediata en liberdade.
Este caso vén da man do incremento gradual dos niveis de represión que exerce o Estado Español, tanto en Euskal Herria coma no conxunto do seu territorio. Isto explícase a través da confluencia de dúas tendencias:
Por un lado, o abandono da estratexia de loita armada por parte de ETA, resta unha enorme lexitimidade ao consenso imposto polo Estado e polos grandes medios de comunicación, en torno á idea de que calquera represión contra o movemento popular e independentista está xustificado xa que este movemento é "terrorista". A estratexia represiva segue apostando por prohibir calquera opción política que formule alternativas ao modelo económico e territorial da oligarquía española. Non obstante, a escusa agora é "o ámbito" de ETA, termo extensible a calquera organización ou loita que formule solucións en termos rupturistas. Aquí cabe dende a loita contra o Tren de Alta Velocidade ata organizacións políticas xuvenís independentistas como SEGI.
Por outro lado, o crecemento da loita popular, non só en Euskal Herria, senón en todo o Estado, provocou un aumento claro da represión contra o movemento popular. Había moito tempo que non había tantos militantes comunistas -especialmente, novos- respondendo ante os tribunais polas súas actividades políticas.
Os recentes cambios de responsabilidades do Goberno (reforzo de lexitimidade na figura de Rubalcaba e inclusión de Ramón Jauregui) prodúcense nun contexto de desgaste e descrédito do PSOE, e pretenden entre outras cousas correr unha cortina de fume ante o seu fracaso económico e social cargando as tintas sobre Euskal Herria.
O Estado Español aposta cada vez máis por solucións policiais: por arrestos, identificacións, rexistros, gravación de chamadas e espionaxe en internet. O Estado de excepción aplícase en Euskal Herria rigorosamente, onde calquera idea próxima ao independentismo socialista se xulga como terrorista, se ilegalizaran partidos políticos e centenares de mozos están en prisión baixo a acusación de terrorismo sen necesidade de proba ningunha.
As mesmas garantías formais da democracia das que presume este sistema son violadas de forma constante, por non falar dos contidos.
Di o ministro do Interior Rubalcaba que tantas veces como se reorganice SEGI, tantas veces se farán macrorredadas para desarticulala. Calquera ministro franquista tería podido dicir o mesmo sobre o partido comunista; calquera ditador latinoamericano tería asinado unha ameaza neses termos. A degradación democrática en España chegou ata tal punto que grandes sectores da poboación non se sorprenden -e mesmo, simpatizan- pola detención de mozos de 20 ou 22 anos, polas súas ideas políticas, polo seu compromiso co movemento estudantil, obreiro, de solidaridad,… etc
Hai vagas referencias na prensa a posibles relacións coa Kale Borroka e un argumento reiterado ata o aburrimento de que SEGI é a "canteira de ETA", é dicir, que algúns dos seus membros poderían chegar a militar en ETA no futuro, por proximidade ideolóxica. É dicir, estamos ante represión "preventiva", ante un "minority report" onde se arresta os que se lles presume inocencia, pero que poderían chegar a ser "terroristas" debido ás súas ideas.
De aí derívase toda unha lexislación represiva que inclúe leis antidemocráticas como a Lei Antiterrorista ou a Lei de partidos que recentemente PP e PSOE deron mostras de querer reforzar para evitar, no inmediato, retirar -por vía xudicial- aos cargos electos da esquerda abertzale dos postos de responsabilidade para os que foron elixidos legitimamente nas institucións, pero cuxa aplicación podería servir para estender o cerco ou apartheid sobre outras forzas da esquerda rupturista ou anticapitalista para evitar que teñan algunha posibilidade de alcanzar calquera tipo de representación a nivel local ou outras.
A Lei Antiterrorista non só se aplica en Euskal Herria, senón que é unha arma en mans do Estado para aplicar con total impunidade unha suspensión das garantías constitucionais no arresto de sindicalistas, militantes comunistas e os sectores populares. De feito, iso xa está a suceder.
En toda a estratexia represiva, xoga un papel fundamental o aparato mediático do réxime español. Os grandes medios de comunicación, propiedade do Estado ou da oligarquía, repiten de forma sistemática toda a propaganda gobernamental, facendo xustificable a represión e convertendo persoas do pobo sen ningunha acción armada no seu haber, en terroristas.
A presunción de inocencia brilla pola súa ausencia. Os medios reproduciron os nomes e apelidos dos militantes de SEGI, así como as súas fotografías. Recordemos que son mozos aos que os tribunais, por agora, non conseguiron condenar por ningún delito e que, mesmo para a xustiza española, son presuntamente inocentes.
Os Colectivos de Mozos Comunistas denunciamos a represión contra a organización SEGI e contra o movemento popular, xuvenil e da clase obreira.