sábado, 8 de febrero de 2014

[Compostela] Baltasar Garzón, axente da represión. A USC non te admite!

O próximo martes 11 de febreiro está previsto que ex xuiz Baltasar Garzón participe na conferencia “Pasados incómodos: guerra, memoria e historia”, que se realizará na facultade de Xeografía e Historia da USC.  Os Colectivos da Mocidade Comunista rexeitamos a presenza na USC e chamamos á comunidade universitaria, a todo o estudantado e a mocidade santiaguesa a unirse contra a cesión de espazos da universidade a este personaxe.


A día de hoxe Baltasar Garzón é obxecto dunha campaña de lavado de imaxe que trata de presentalo  como abanderado dos dereitos humanos e amigo das vítimas do fascismo é en realidade o individuo que dende o seu posto de xuíz da Audiencia Nacional tolerou e silenciou a tortura de centenas de detidos e detidas por delitos de natureza política. 

A mocidade comunista non esquece quen é Baltasar Garzón. Durante os seus anos na AN, que non é outra cousa que o Tribunal de Orde Pública franquista cun novo rótulo no edificio, amparou a aplicación sistemática da tortura a persoas detidas por delitos de natureza política e que ilegalizou e perseguiu organizacións políticas, xuvenís, anti-represivas ou medios de comunicación populares.

Individuos desta calaña non poden ter acollida na USC. É por iso que chamamos ós e ás estudantes, ó profesorado, ós traballadores  do PAS da Universidade e a toda a mocidade a rebelarse contra esta vergoña financiada con diñeiro público. Os “demócratas” de careta non poden ter admisión nunha Universidade pública.


Non esquecemos quen é Baltasar Garzón, por moitas leccións de memoria histórica que dea tratándose de situar do lado das vítimas do fascismo mentres que como xuiz tolerou a tortura, ilegalizou partidos políticos ou pechou xornais.

A mocidade comunista témolo claro! Non queremos axentes da represión nas nosas universidades! Fora Garzón, a USC non te admite!