Quito, 01 outubro 2010, Tribuna Popular TP.- O Comité Central da Xuventude Comunista do Ecuador rexeita de xeito firme e categórico os tráxicos feitos acontecidos na nosa patria o día de onte, cando o que iniciou baixo o suposto dun reclamo da tropa policial por recortes a bonificacións sociais no seu salario, rematou cun claro intento de dar un golpe de Estado que buscaba derrocar o Presidente da República Rafael Correa.
Hoxe coñécese que dende días atrás estaban a circular nos cuarteis pasquíns cominando aos membros policiais e das forzas armadas a alzarse contra o goberno para o cal contarían co respaldo da oposición lexislativa e da dereita política ecuatoriana.
Denunciamos ao pobo e ao mundo que o verdadeiro director de orquestra do acontecido onte é o imperialismo que hai décadas vén penetrando ás forzas policiais a través de organismos como a USAID e Proxustiza baixo a cacarexada "asistencia técnica", como xa o denunciou no pasado recente o Presidente Correa con ocasión do bombardeo en Angostura por parte das forzas militares colombianas. O imperialismo que non perdoa que se botase á base de Manta e constantemente vén conspirando para deter o proceso de transformacións no Ecuador.
Deploramos o falecemento de cinco persoas ata o momento e máis de douscentos feridos nos graves acontecementos de onte. Deploramos así mesmo os actos de saqueo acontecidos no porto principal e que non son outra cousa que as consecuencias da crise estrutural do capitalismo que alcanza mesmo a esfera dos valores.
Felicitamos ao pobo ecuatoriano que unha vez máis demostrou a súa tradición de loita, o seu desprezo ás ditaduras e o seu anhelo de avanzar cara a un futuro de soberanía plena, democracia auténtica e vida digna, materializadas nunha sociedade de novo tipo. Felicitamos tamén á militancia da Xuventude Comunista, ao ter sido dos primeiros en mobilizarse a defender o proceso de transformacións políticas que vive o Ecuador.
Chamamos coa mesma firmeza ao pobo ecuatoriano e ás forzas progresistas do mundo a estar alerta fronte ás acechanzas que penden sobre o noso pobo e a sacar as mellores leccións da xornada do 30 de setembro que lle permitan dar un salto de calidade e contido ao proceso ecuatoriano.
Fraternalmente:
Comité Central
Xuventude Comunista do Ecuador (JCE)