lunes, 30 de enero de 2012

RACHEMOS COA DIRIXENCIA SINDICAL TRAIDORA

O día 25 de xaneiro a dirixencia sindical traidora, de CCOO e UXT volveu asinar un acordo lesivo para a clase traballadora. Nesta ocasión un acordo sobre subidas salariais que se sitúa no 0,5% cando o IPC do ano 2010 foi do 2,4% e cunha cláusula de descolgue co que é posible que non se chegue aplicar realmente nin sequera ese 0,5%.

Desde o PCPE levamos tempo advertindo que da crise estrutural do Capitalismo non hai saída favorable á clase obreira que non sexa a de enviar ao vertedoiro da historia o sistema de explotación capitalista. Así como que a única saída é a organización e a loita das clases traballadoras na perspectiva do Socialismo. Esta nova volta de porca non fai máis que demostrar a nosa análise.

E é que á burguesía e aos seus sucesivos gobernos non lles preocupan as cinco millóns catrocentas mil persoas sen emprego, non lles preocupa a perda constante de poder adquisitivo do pobo traballador, non lles preocupa que algunha persoa poida atoparse na rúa porque o banco lle roubóu a súa vivenda, non lles preocupa que unha persoa poida non ser atendida nun centro sanitario, non lles preocupa o alto grao de analfabetismo funcional nin o avultado fracaso escolar dos fillos e fillas da clase traballadora, en definitiva non lles preocupa o máis mínimo a miseria á que a grandes zancadas se nos vai levando por que son conscientes de que só así poderán remontar a súa crise. Non debemos esquecer que a burguesía si ten conciencia de clase e está perfectamente organizada.

En cambio, a clase traballadora, que durante décadas de loitas organizadas desde o sindicalismo de clase acadara importantes conquistas sociais ve agora como as súas organizacións viran estériles para a loita, cando non cómplices dos retrocesos.

Isto é debido en grande medida á influencia da ideoloxía burguesa no seo das organizacións obreiras, que introduciu xa hai demasiado tempo o concepto de Pacto Social e de corresponsabilidade ante a crise. Pero tamén á traizón de toda unha capa de dirixentes que, acomodados nas estruturas de dirección sindicais actúan desligados dos intereses da clase á que din representar.

Só temos que observar o pouco que tardamos, tras as eleccións, en ver como de novo as estruturas confederais de CCOO e UXT acordaron un novo paso atrás nas condicións de vida e de traballo, mentres seguen tendendo a man ao novo goberno para entrar nun novo proceso de concertación social que baixo o paraugas de “polo emprego” todos sabemos o que significará: máis paro e máis salarios de miseria.

Todo este escenario lévanos a un calexón sen saída, onde a cada renuncia sindical lle sucede unha nova esixencia patronal e un novo descontento entre os traballadores e traballadoras que miran cada vez con máis receo a todas as organizacións sindicais. Provocando con iso unha enorme dificultade de organización e de loita.

Pero hai un camiño para loitar contra as medidas lesivas impostas polos gobernos da burguesía en conivencia cos dirixentes sindicais traidores. O PCPE chama ao conxunto de delegados e delegadas sindicais, a toda a afiliación de todos os sindicatos e aos traballadores e traballadoras en xeral á insubmisión a estes acordos. Chamamos a organizar Comités para a Unidade Obreira (CUO), estruturas asemblearias de base a niveis de empresa e territoriais sen importar a afiliación sindical de cada quen, e que teñan como obxectivo erguer unha mobilización sostida co horizonte da Folga Xeral.

SE ELES ASINAN RETROCESOS E PAZ SOCIAL
RESPOSTEMOS CON UNIDADE E LOITA DE CLASES


Comité Executivo do PCPE