viernes, 18 de noviembre de 2011

COLECTIVO FORXA!! PIDE O VOTO PARA O PCPE


Publicamos o texto do colectivo Forxa!! no que se pide o voto para as candidaturas do PCPE na Galiza. Agradecemos aos camaradas este apoio fraternal e a súa solidaridade.

OS COMUNISTAS VOTAMOS COMUNISTA

Ausencias son carencias. A non presenza dunha candidatura unitaria do conxunto das forzas políticas e sociais da esquerda de oposición ao réxime nas vindeiras eleccións xerais ao parlamento español, exhibe a actual incapacidade de artellar unha alternativa política sobre a base do factor e a contradición determinante desta época histórica que nos toca vivir: o antagonismo entre o proletariado e as clases traballadoras fronte a oligarquía financeira que dirixe o bloque imperialista europeo.

É a constatación da parálise que atenaza ao movemento obreiro e popular, aparentemente preso da resignación e da desmobilización do reformismo e do social-liberalismo, sexa nas súas expresións políticas ou sindicais. O sopor das manidas fórmulas de máxicas mudanzas dentro do sistema, ou do “isto é o que hai e o que toca” fican inermes fronte á flagrante realidade da brutal crise capitalista, e unha dereita política fachendosa reclamada para a gobernanza de quenda por unha oligarquía impaciente de levar adiante os seus planos. En contraposición, a incredulidade, a desconfianza, a indignación e a ira contida e expresada a cada paso nas fábricas e nas rúas dos barrios obreiros, e nas loitas e mobilizacións aínda sen a continuidade e a conxunción necesarias.

Nos entendemos cómo marxistas-leninistas que a loita electoral nas democracias burguesas é unha forma máis da loita xeral revolucionaria do proletariado, en función da conxuntura e a táctica política determinada por esta. Con mais senso na presente situación de crise estrutural capitalista. O actual proceso electoral puido ser unha oportunidade excelente para unha mobilización xeneralizada dirixida a cuestionar os alicerces do réxime monárquico e transformar a campaña electoral nunha masiva denuncia do mesmo sistema capitalista. Ter aproveitado para a convocatoria dunha folga xeral, como se viña barallando sobre estas datas, como a mellor campaña electoral posible a desenvolver polas forzas obreiras e populares, augándolle a festa á reacción, e impulsar o que demandan as masas traballadoras: a unidade de clase e do pobo traballador. A súa concreción nunha fronte ou plataforma política dependerá da superación do actual estado de ánimo e da división no seo da esquerda con horizontes revolucionarios a prol do socialismo.

De todo o restrinxido panorama de posibilidades electorais, só podemos destacar a participación dunhas candidaturas que merezan o noso apoio: as presentadas por A Coruña e Pontevedra polos Comunistas de Galiza-PCPE, pese a tódolos obstáculos, impedimentos, silencios e manipulación mediática posibles interpostos polo poder. O seren integrantes dun partido de ámbito estatal non os invalida como comunistas, pois nós pensamos que a contradición principal é a que enfronta ao proletariado fronte á burguesía e nunca ás organizacións de clase independentemente do seu ámbito de acción. A maiores, é o único que defende, dentro dun programa estratéxico e táctico, xunto ao dereito de autodeterminación, non só as reivindicacións inmediatas económicas e sociais do proletariado e clases populares, senón que explica a crise estrutural do capitalismo, denuncia a xestión da socialdemocracia no goberno e a estratexia da oligarquía española e a necesidade de pasar á ofensiva e artellar unha fronte obreira e popular cunha perspectiva revolucionaria e socialista, fronte ao, no noso caso, do reformismo posibilista de EU e BNG. Os comunistas de FORXA!! coincidimos con boa parte das análises e das súas propostas programáticas, e sabemos que compartiremos, xunto a outros, os esforzos no camiño da reconstrución do Partido Comunista en Galiza e do Movemento Comunista Internacional e na tarefa inmediata de xestación da fronte de Unidade de Clase e do Pobo Traballador.

Nas circunscricións de Lugo e Ourense, ante a presenza exclusiva de listas reaccionarias ou reformistas, entendemos que o voto nulo representa a opción mais consecuente e combativa fronte á mediocridade ou natureza antipopular das alternativas de voto.


http://aforxa.blogspot.com/2011/11/os-comunistas-votamos-comunista.html