miércoles, 9 de marzo de 2011

COMUNICADO DO PCPE - COMUNISTAS DE GALIZA DIANTE DO 10 DE MARZO

O 10 de Marzo de 1972 os loitadores e obreiros do Naval Amador e Daniel caían segados pola represión policial do franquismo e o capital. Estaban a loitar polos dereitos dos traballadores a un traballo digno e polas liberdades políticas e sindicais. Ao mesmo tempo, varias ducias de compañeiros caían feridos. Aqueles acontecementos foron acompañados pola solidariedade do proletariado e o pobo de Ferrol, e do conxunto da clase obreira galega.

39 anos despois, unha tremenda crise estructural sacude ao modelo de acumulación capitalista. O sistema e os seus xestores responden a esta crise recortando máis dereitos, recrudecendo a sobreexplotación da forza de traballo. Negan o dereito á negociación colectiva dos convenios, e precarizan ata o límite as condicións de traballo.

En suma, endurecen os mecanismos da dictadura do capital para acadar a saída a crise que eles queren: maniatar con cadeas e ferrollos a resposta obreira para reducirnos á escravitude.


O roubo masivo de vivendas a través da banca e a privatización dos servizos públicos básicos configuran un escenario que, (tendo en conta a crecente persecución patronal e institucional contra toda forma de resposta organizada) esíxenos a UNIDADE OBREIRA.

Unidade Obreira contra os ataques das políticas antiobreiras e antipopulares do goberno e a patronal e da Unión Europea monopolista.

UNIDADE OBREIRA contra o Pacto social, a traizón sindical, a entrega e a derrota.

UNIDADE OBREIRA porriba de siglas sindicais.

Estas obrigas véñennos impostas como o legado que teremos que recoller dos mártires do 10 de Marzo, e como unha necesidade de organizar a resistencia da clase obreira e os sectores populares, e o avance das súas posicións cunha mobilización sostida frente aos plans da patronal e dos gobernos capitalistas. Unha mobilización sostida que faga posible a resolución dos grandes problemas da inmensa maioría social, co remate da explotación e a Revolución Socialista.

Amador e Daniel, Presentes
Pola Unidade e a Loita Obreira contra o Capitalismo
Polo Socialismo e o Comunismo